Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Lousame abre ata o venres 16 as inscricións no Lousame Concilia para as vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa


A inscrición deberá formalizarse nos Servizos Sociais de Lousame

O Concello de Lousame abre hoxe o prazo de inscrición no servizo de ludoteca do seu programa de conciliación “Lousame Concilia”, que estará aberto ata este venres 16 de decembro. Trátase dun servizo de canguraxe para nenos e nenas de 3 a 12 anos que terá lugar durante os días laborables dos períodos de vacacións escolares, en horario de 9:30 a 14:30 horas, nas instalacións do CPI Cernadas de Castro.

O Concello de Lousame convoca 20 prazas para os próximos tres períodos vacacionais: Nadal (11 días: 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro; e do 2 ao 5 de xaneiro), Entroido (3 días: 27 e 28 de decembro e 1 de marzo de 2017) e Semana Santa (3 días: do 10 ao 12 de abril). As familias poderán anotarse nun, dous ou nos tres períodos vacacionais ofertados.

Para anotarse só terán que cubrir e asinar o correspondente impreso de solicitude (que poden descargar da web do Concello) e presentar a última nómina ou recibo de autónomos para acreditar a situación laboral puntuable. Á hora de establecer o baremo para a admisión dos pequenos, o Concello de Lousame outorgará 3 puntos a todos os menores empadroados en Lousame cunha antigüidade mínima dun ano. Así mesmo, outorgaranse 2 puntos a aquelas solicitudes cos dous proxenitores empregados e 1 punto no casos nos que un dos proxenitores traballe. Tamén se outorgará 1 punto aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar (3.461,32 euros como cifra xeral e 3.980,52 euros no caso de familias monoparentais ou numerosas).

En caso de empate na puntuación, aplicarase a orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello de Lousame. Así mesmo, o Concello de Lousame lembra que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos ao Lousame Concilia en datas concretas, sempre que queden prazas vacantes. Para iso é preciso chamar ao 609 828 853 para reservar a praza. Lousame Concilia é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia.